jueves, 17 de diciembre de 2015

UN DOODLE MOI MUSICAL


No 245 aniversario do nacemento de Beethoven. 

A piques de rematar o 17 de decembro de 2015 retomamos este doodle creado por Google para celebrar o 245 aniversario do nacemento de Beethoven. E non podía ser doutro xeito: un doodle musical. Un auténtico dictado melódico que vos convido a intentar. Premede na imaxe e accederedes ó doodle.


Imaxe: Joseph Karl Stieler [Public domain], via Wikimedia Commons

sábado, 24 de octubre de 2015

PARA CELEBRAR O DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES...




... cantamos unha canción!

Para celebrar o Día das Bibliotecas Escolares Gonzalo, o profe sustituto de Educación Musical, creou esta canción. Aquí aparece, cantando co alumnado de 3º.

Con profes así... da gusto!



Grazas, Gonzalo!

miércoles, 10 de junio de 2015

MÚSICA E COMPETENCIAS




Elaborando unha liña do tempo. 

Entre os estándares de aprendizaxe que a materia de Educación Musical recolle para curso de Primaria no novo currículo figuran os seguintes:


    • EMB2.3.1. Procura información bibliográfica, en medios de comunicación e en internet sobre instrumentos, compositores/as, intérpretes e eventos musicais. 
    • EMB2.3.2. Presenta e expón a información de xeito claro, ordenado e limpo en varios soportes.
As competencias vinculadas a estes estándares (aparte da Conciencia e expresión culturais) son: 
    • Aprender a Aprender
    • Comunicación lingüística
    • Competencia dixital
Durante os últimos meses, o Bolero de Ravel servíunos para traballar moitas cousas: o obstinato, os instrumentos musicais, o crescendo... A partir deste traballo parecía axeitado investigar sobre a vida de Maurice Ravel. E iso fixemos en 6º B. Sen embargo, non se trataba unicamente de saber algo sobre a súa vida, senon de aprender a procurar, a seleccionar e a organizar a información dun xeito crítico. 

Así pois, os pasos dados foron: 
    1. Individualmente, buscamos información sobre Ravel. Non se tratou de copiar e pegar, nin de facer unha redacción. Había que seleccionar as datas significativas na súa vida, e, ó lado, indicar o feito acaecido. 
    2. Unha vez obtida a información, enviábase por email á mestra. 
    3. Analizadas as respostas pola mestra, entre todo o grupo clase, e empregando o cañón, chegábamos a un consenso, para elixir unicamente as datas importantes e significativas. Con todo isto elaboramos un documento. 
    4. Feito este, os alumnos dividíronse por grupos de catro. A cada grupo se lle entregou un ipad. 
    5. Tratábase agora de facer unha liña de tempo coa app Timeline. Para elaborala, cada grupo tivo que: 
        • resumir en unha ou dúas palabras o contido explicado en cada data;
        • elixir en Internet unha imaxe (entre as libres de dereitos) apropiada para ilustrar o feito;
        • unha vez elaborada a liña do tempo, enviala por email á mestra.
               6. Por suposto, todos os membros do grupo tiveron que traballar e participar ó mesmo nivel. 

A actividade resultou moi gratificante, e, como vedes, ademais de coñecer quen era Ravel, aprenderon moitísimas máis cousas (a primeira delas, a respectarse e traballar en equipo).

Aquí tendes as imaxes dos alumnos traballando:



E aquí, os resultados da súa tarefa: 



jueves, 4 de junio de 2015

LENDO CINE...


...  e música!

Ler non é unha competencia exclusivamente vencellada coa clase de lingua; nin son letras o único que temos que ler. Por iso podemos dicir que, esta mañán, cos nenos e nenas de 1º e 2º, estivemos a ler... cine e música!

No marco do Festival Primavera do Cine, hoxe programouse unha actuación especialmente deseñada para o público infantil. Tratábase do espectáculo titulado Escoita, é cine!, creado polo Trío Caspervek, no que toca o noso amigo Brais González.

Ofrecéronsenos catro curtametraxes:
Os rapaces entenderon perfectamente o argumento das curtas. Incluso descubriron como se poideron gravar os equilibrios imposibles do circo chinés en Les Kirikes (por certo, película de cine mudo coloreada por Segundo de Chomón). Disfrutaron moitísimo coas aventuras do gato Félix. E demostraron que coñecían a Charlot antes, incluso, da proxección da película.

Pero tamén souberon ler a música: espontaneamente xurdiron palmas cando se trataba dunha polca ou unha alegre melodía; mais, sen que ninguén llelo indicara, estas paraban subitamente cando o carácter da mesma cambiaba. 

Para rematar, o noso compañeiro Ángel tivo a oportunidade de emular a Charly Chaplin no escenario. E, dita sexa a verdade, non o fixo nada mal, porque, entre nós... Ángel é un cómico!




viernes, 29 de mayo de 2015

FRIANCIÑO E MARKUS PATAMAR




O conto da aula de 2º A.

Para elaborar este conto (que xa ven sendo tradicional na Aula de Música), os nenos contaron tan só cunha ducia de sons, un tema (os vikingos), un protagonista (Frianciño), e, todo iso, mesturado con moita imaxinación.

O toque doce puxérono as familias, que, con moita ilusión, crearon as ilustracións.



Moitas grazas a todos, e... disfrutade do conto!

miércoles, 27 de mayo de 2015

A HISTORIA DO FRIANCIÑO VIKINGO




Creada polo alumnado de 2º B.

Como ven sendo tradicional, os nenos e nenas de inventaron, na aula de Educación Musical, un conto a partir de sons da natureza. Nesta ocasión, para atender ós contidos do noso PDI deste curso, no conto debían aparecer os vikingos. Despois de inventalo (nun alarde de creatividade, no que se demostra que o de investigar na Biblioteca xa é algo asumido), o levaron, por turno, a casa. Así, as familias colaboraron na súa ilustración.

Aquí tendes, pois, o traballo das familias de 2ºB.



Parabéns para todos!

lunes, 18 de mayo de 2015

CONCERTO NO COLEXIO



Cun quinteto de vento - metal.

Cun pouco de retraso, damos conta dun concerto que tivo lugar no noso centro o pasado 28 de abril. Dentro das actividades que oferta a Concellería de Educación, achegáronse onda nós cinco profesores da Escola Municipal de Música, para darnos a coñecer os seus instrumentos: os catro que conforman a familia do vento - metal (trompeta, trombón, trompa e tuba) máis a batería.

Acudiron o alumnado de 1º, 2º, 3º 4º B e 5º A.

Ademais de nos contar os segredos destes instrumentos, nos ofreceron pezas moi simpáticas que acompañamos coas nosas palmas.



jueves, 7 de mayo de 2015

OS MAIOS


A cantar!

Pois si... Parece que aínda onte comezabamos o curso, e xa estamos no mes de maio.

E, como cada ano, a ANPA do noso cole sumarase á xuntanza convocada polo Plan Comunitario de Teis, que terá lugar o vindeiro domingo día 9 no Parque da Riouxa. Por tal motivo, os nenos e nenas de 4º, 5º e 6º cursos de Primaria estiveron a crear coplas a partir dunha cantiga tradicional. As coplas seleccionadas, e que cantaremos o domingo, son estas. Así que... a cantar!


Imaxe: JOSEOLGON. Festa dos maios in Combarro. En Wikimedia Commons. CC BY SA



martes, 17 de febrero de 2015

RAPEANDO EN 6º B


Traballo en equipo.

Reunidos en grupos de traballo, os rapaces e rapazas de 6º B crearon os seus propios textos para o rap, e engadíronlle acompañamentos rítmicos.

Como veredes, realizaron un bo traballo en equipo.





Imaxe libre de dereitos

lunes, 16 de febrero de 2015

RAPEANDO EN 6º A


Ritmo e creatividade.

Reunidos en grupos, os alumnos e alumnas de 6º A crearon letras para o seu rap, e finalmente, o interpretaron diante dos seus compañeiros.


Imaxe libre de dereitos

miércoles, 11 de febrero de 2015

A CANTAR O ENTROIDO...!


Estas son as nosas coplas.

Durante as últimas semanas, todos os nenos e nenas do colexio estiveron a crear as súas coplas do Entroido. Finalmente, os profes fixeron unha selección. E aquí temos a cantiga definitiva. Todos coñecemos a música (Na veira). Pero, por si acaso, os nenos e nenas de 4º B, coas súas anxelicais voces, bótannos unha man.




Imaxe: RAMÓN PIÑEIRO. Peliqueiros de Laza. En Wikipedia. CC BY-SA.

sábado, 10 de enero de 2015

O INMIGRANTE


A nosa canción polo Día da Paz.

O ser humano, dende os tempos máis antigos, é un ser migrante. Os galegos sabemos moito disto. Durante décadas, os trasatlánticos saían dos portos de Vigo e A Coruña cargados de homes e mulleres que esperaban atopar en América unha vida mellor. Naquelas terras padecimos pola morriña, polo que deixamos atrás, polo medo, por nos sentir diferentes...

Durante un curto espellismo, tan só unhas décadas atrás, isto parecía o pasado: semellaba que esta situación non ía voltar. Convertímonos nun país rico que, nesta ocasión, recibía inmigrantes.

Sen embargo, a actual crise económica está a provocar que milleiros de mozos e mozas galegos volten emigrar. Galicia segue a ser terra de emigrantes.

Por outra banda, o mar ten sido canle de comunicación de pobos e culturas. Tamén a través do mar Galicia extendeuse alén do mar. Por iso, co gallo do Día da Paz, tratar o tema da emigración semella o máis convinte, dacordo co tema do noso PDI Un mar de linguas.

Coti Sorokin (autor de El inmigrante) é un cantante, compositor e produtor arxentino que, ó longo da súa discografía, ten insistido moito na temática social. Así presentaba este tema nun concerto en Candelaria (Arxentina) en 2007:

Os nosos avós marcharon de España para América, para Arxentina, dende Galicia, dende o País Vasco, dende todo o país; dende toda Europa. E 50 ou 60 anos despois repítese a historia ó revés.
Esta canción que eu escribín podía tela escrito o meu avó, porque é a canción do emigrante.





Aquí tendes o texto da canción: 




Imaxe: EMILIA GARASINO. Sabiduría. En Flickr. CC BY SA.

lunes, 5 de enero de 2015

A SEÑORA CARMEN NA NOSA LEMBRANZA



A nosa homenaxe a unha grande muller.

Esta mañán espertabamos coa triste nova do pasamento da Señora Carmen. Aínda que nunca falaramos con ela, a Señora Carmen era como da familia. Porque, na flor dos seus anos, atreveuse a subir ó escenario e a nos transmitir, coa súa particular e característica voz, as vivencias e as lembranzas dunha vida dura.

E que mellor homenaxe que lembrala cantando. Compoñente de Malvela, a Señora Carmen gravou tamén un disco en solitario. Aquí vos deixamos con este vídeo de Na flor dos meus anos.

viernes, 2 de enero de 2015

DE CONCERTO!



No Conservatorio Superior.

O pasado día 9 de decembro, os alumnos e alumnas de 5º e 6º cursos de Primaria acudimos ó Conservatorio Superior para participar no concerto sobre Cadros dunha exposición, interpretada pola Orquestra de alumnos.

Nas sesións previas, fomos traballando na aula varias das pezas, segundo a proposta didáctica elaborada polo pianista Carlos Enrique Pérez. Unha das actividades consistíu en traducir en imaxes catro fragmentos. Aquí están algúns dos traballos:




O día do concerto fomos un público entusiasta e entregado. Mesmo a nosa compañeira Elisa tivo un papel protagonista, acompañando á orquestra co triángulo.

jueves, 1 de enero de 2015

TRABALLANDO CO IPAD NA AULA DE MÚSICA


Unha ferramenta altamente motivadora.

Durante  o Primeiro Trimestre estivemos a experimentar timidamente co ipad na Aula de Música. Demostrouse un elemento altamente motivador, e conqueríronse resultados, ó meu modo de ver, completamente inesperados.

Na Aula de Música carecemos de pizarra dixital. Sen embargo, o ipad conectado ó cañón pode suplir moi ben esta carencia, e cun custe asequible.

No seguinte vídeo, os nenos e nenas de Educación Infantil 5 anos B len os movementos sonoros básicos (ascendente, descendente, grave, agudo) que, previamente, temos traballado a partir de dous contos musicais:  A viaxe da balea e A viaxe do caranguexiño.





Do mesmo xeito traballamos en 1º curso de Primaria, aínda que aquí dimos un paso máis: o propio alumnado tiña que escribir o movemento sonoro escoitado. 

Para iso empregamos o programa Keynote, moi axeitado para realizar presentacións. Ademais de ter preparadas as consabidas diapositivas, os nenos poden debuxar co seu dedo no ipad, e todo isto visualizalo nunha pantalla a través do cañón. 

Neste caso carecemos de documentación gráfica. Aínda que os resultados acadados poden calificarse de "espectaculares". Os rapaces tomaron con grande entusiasmo a actividade, e o grado de acertos foi moi elevado. Uns resultados que, sen dúbida realizados en papel (como viñamos facendo anteriormente) non terían sido tan satisfactorios. 

Imaxe: Intel Free Press. Child with Apple iPad. En Flickr. CC BY SA.