viernes, 31 de diciembre de 2010

FELIZ ANINOVO!


Agora que fallan tan poucas horas para o comenzo do ano 2011, quero deixarvos con este vídeo, un exemplo de música, fe e esperanza nun mundo mellor.

O meu amigo Juan Carlos fíxomo chegar, e quero compartilo convosco.

Trátase do Concerto de Aninovo do ano 2008, interpretado pola Sinfónica de la Juventud Venezolana Simón Bolívar, ó fronte da cal está o seu actual director, Gustavo Dudamel. 

A orquestra foi fundada por José Antonio Abreu, e ten unha importante función social. En palabras do seu fundador: "para os nenos cos que traballamos, a música é practicamente o único camiño para un destiño social digno. A pobreza siñifica soidade, tristeza, anonimato. Unha orquestra representa alegría, motivación, traballo en equipo e a aspiración ó éxito".

Ó ritmo dos mambo de Pérez Prado, Feliz 2011 cheo de música, ledicia e traballo en equipo.






domingo, 26 de diciembre de 2010

O MESÍAS NO CENTRO COMERCIAL

Só Sira, a nosa querida ex-compañeira (tan artista ela) podía ternos achegado este vídeo.

Por que non gozar do Aleluia do Mesías de Haendel en pleno centro comercial? Un intre de música, sorpresa e gratuidade nun lugar sempre ruidoso e deshumanizado.

Disfrutade!



viernes, 24 de diciembre de 2010

jueves, 23 de diciembre de 2010

MÚSICA E TRADICIÓNS NAVIDEÑAS EN GALICIA



O Nadal é unha das celebracións máis tradicionais en Galicia.

A música non é un elemento alleo a esta celebración. Ó contrario: música e nadal van da man.

Dende a Biblioteca do noso Centro propúxose ós diferentes grupos de alumnos investigar sobre as Tradicións do Nadal en Galicia. Achégovos aquí as que teñen unha compoñente musical:



A Pandeireta (2º A)

As Rondallas (4º A)

As Danzas de Reis (4º B)

Se queredes consultar o resto dos traballos, podedes facelo no blog da Biblioteca (O Lar de Frianciño), premendo neste enlace.

miércoles, 22 de diciembre de 2010

INSTRUMENTANDO XUNTOS


Os nenos e nenas de 5º A grabamos Kokoleokó.

Durante este Primeiro Trimestre, as nosas clases centráronse no continente africano, e na melodía tradicional senegalesa titulada Kokoleokó. Primeiro, aprendimos a canción e a danza; traballamos a forma musical; escribimos o ritmo e a partitura; practicamos distintos obstinatos rítmicos e melódicos. E, con todos estes ingredientes, remexemos e fixemos unha saborosa "ensalada". Este é o resultado.



miércoles, 15 de diciembre de 2010

CONCERTO DE NADAL DA UNIVERSIDADE DE VIGO


   


Veño de chegar do Concerto de Nadal da Universidade de Vigo, adicado a celebrar o Centenario da chegada da muller á Universidade. 

Como cada ano, a Universidade de Vigo esforzouse por ofrecer un espectáculo grandioso e galego. Os encargados, Berrogüetto, que contaron coa compaña da cantautora aragonesa Carmen París e as pandereteiras de Cantigas e Agarimos




Se escoitar a Berrogüetto sempre é un luxo, escoitalo acompañado das pandereteiras de Cantigas e Agarimos foi sublime. Espectaculares o dúo de Xavier Díaz e Carmen París en Bailador, e a Danza de Meirol, acompañada por Cantigas e Agarimos.


No Teatro Caixanova fora, hai catorce anos, a presentación de Navicularia, o primeiro disco de Berrogüetto. Naquela ocasión estiveran acompañados por Cantigas e Agarimos. Para lembrar aquela data, os que estivemos alí no ano 1996 voltamos escoitar á formación e ás pandereteiras interpretar O Mandil

Precioso xeito de nos dexexar Bo Nadal!




lunes, 22 de noviembre de 2010

22 DE NOVEMBRO, DÍA DA MÚSICA



Hoxe, 22 de novembro, os músicos celebramos o día da nosa patrona: Santa Icía.

Esta é unha boa ocasión para vos deixar este vídeo, que coñecín grazas a Pequeño Libro de Notas (PLdN).

A canción é do grupo They Might Be Giants, e pertence ó seu disco para nenos titulado No! Ten unha grande sinxeleza, e tanto serve para practicar o noso inglés como para lembrar algúns conceptos musicais.

Que a disfrutedes!




domingo, 21 de noviembre de 2010

MÚSICA TRADICIONAL EN DIRECTO


O pasado martes 16 de novembro estiveron connosco os mestres da e-Trad.




Que non sabedes aínda o que é a e-Trad? O Conservatorio de Música Tradicional, situado no antigo edificio de Artes e Oficios, un luxo para os afeccionados á nosa música.

Os rapaces e rapazas de 4º curso de Primaria foron os "privilexiados" que poideron disfrutar deste rato tan divertido. Cantamos, bailamos, acompañamos con ritmos... incluso fixemos os nosos "piniños" tocando algúns destes instrumentos.

Seguindo un estupendo conto, coñecimos o violín, o acordión, o bouzouki e a requinta.


Grazas a Chisco e ós seus compañeiros por nos facer vivir un rato tan divertido, e, sobor de todo, por nos transmitir o seu amor pola nosa música!



miércoles, 17 de noviembre de 2010

A MÚSICA E O PATRIMONIO ESTÁN HOXE DE NORABOA


A UNESCO ven de proclamar Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade a tres candidaturas españolas: o flamenco, os cantos de Sibila de Mallorca e os castells cataláns.

En todos eles, a música xoga un papel preponderante.

Aquí tendes a nova publicada pola edición dixital do Diario El País.

Este é o vídeo co que a fantástica bailaora Sara Baras e o cantaor José Mercé apoiaron a candidatura do flamenco:




El Cant de la Sibil.la cántase nas igrexas de Mallorca na mañán do 24 de nadal. Practicamente intacto dende entón, ten a súa orixe na Idade Media. 



As tradicionais torres humanas (castells) típicas do folclore catalán acompáñanse por típicos instrumentos de vento: 



Mais non só as candidaturas españolas teñen sido proclamadas. Dende hoxe tamén son Patrimonio Inmaterial da Humanidade: 

  • a ópera de Pekin;
  • as músicas de marimba e os cantos tradicionais do Pacífico Sur de Colombia;
  • a danza chhau da India;
  • os cantos e danzas folclóricas dos kalbelias del Rajastán;
  • o mudiyettu, o teatro ritual danzado de Kerala;
  • en angklung de Indonesia; 
  • a música dos bakhshis del Jorasán;
  • o ta'ziye, arte dramático ritual de Irán;
  • o kumiodori, teatro musical tradicional de Okinaw;
  • os sutartinés, cantos lituanos polifónicos;
  • a procesión con danzas de Echternach (Luxemburgo);
  • la pirueka, canto tradicional de México;
  • Al-Bar'ah, música e danza dos valles de Omán;
  • a huaconada, danza ritual de Mito e a danza das tesouras (Perú);
  • los gagog de Corea.
Podes saber máis deles neste enlace da UNESCO. Aquí podes, ademais, ver cos teus propios ollos en que consistiu cada candidatura. Disfruta e aprende!



jueves, 11 de noviembre de 2010

SEGUNDA PARTE DO CONTO DOS ANANOS E OS XIGANTES

Pensabades que os xigantes podían seguir a facer das súas? Escoitade a segunda parte do conto!


Como ocurría na primeira parte, este conto está inspirado no de Huidobro e Velilla (Suena, suena 1).





miércoles, 10 de noviembre de 2010

LARANXA, LARANXA, LARANXA


A clase de Infantil 4 anos A decidiu inventar esta canción.

Inspirándose en Limón, limón, limón, de Huidobro e Velilla e no conto Os ananos e os xigantes (2ª parte), inventaron esta canción.

Logo, acompañámola de pictogramas.





SI YO TOCO FUERTE



Os nenos e nenas de 4 anos A volven cantar.

Outra canción de Huidobro e Velilla, recollida tamén en Suena, suena 1. Nesta ocasión, trata sobre a Intensidade do son.

A presentación con pictogramas fixémola nós.





LIMÓN, LIMÓN, LIMÓN



Presentámosvos esta canción cantada polos nenos e nenas de 4 anos (grupo B).

A canción foi composta por Huidobro e Velilla, e está recollida en Suena, suena 1 (Ed. Real Musical). Nós engadímoslle os pictogramas.

Esperamos que vos guste!




domingo, 7 de noviembre de 2010

O CONTO DO SILENCIO

Un vídeo sobre a importancia do silencio realizado polo Equipo de Biblioteca Escolar do C.E.I.P. Curros Enríquez de Celanova

Grazas a Luis Real coñecimos este vídeo, que hoxe vos presentamos.

Porque... que sería a Música sen silencio...? Precisamos o silencio para unha escoita atenta. Pero, do mesmo xeito que, na fala, necesitamos respirar, o silencio fai que sintamos a música doutro xeito. Disfrutade del!



domingo, 24 de octubre de 2010

POLO SAMAÍN, MONSTROS E DEMAIS


Chega o Samaín, e , como todos os anos, na Aula de Música aprendemos unha canción para ambientar mellor a nosa festa.


Nesta ocasión, tomamos todo emprestado: a meiga que ilustra esta nova procede do blog da nosa amiga Belén Junquera (Casa de tol@s).

Por outra banda, este curso temos decidido variar o noso super-éxito do Samaín. Así que cantaremos Monstros e demais, de Mamá Cabra.

Deixovos aquí este vídeo realizado por Julia, a nosa compañeira do C.E.I.P. Mestres Goldar, para que practiquedes e, o venres, cheguedes coa canción sabida.





Aquí podes ler o texto da canción.

E se tes dotes artísticas, proba a cantar con este karaoke

Que disfrutedes un Samaín de medo....!



sábado, 23 de octubre de 2010

UN POETA NA VOZ DOUTROS POETAS


O vindeiro 30 de outubre celebraremos o Centenario do nacemento de Miguel Hernández, o poeta do pobo.

Gran cantidade de músicos téñense inspirado nos seus versos dende a temprana data do seu falecemento, en 1942.

Xa que neste blog falamos de música, parece lóxico mostrarvos algúns destes exemplos. Pero, imitando a Fernando Argenta no seu magnífico (e chorado) programa de radio titulado Clásicos Populares, quérovos invitar a que comparedes distintas versións sobre un mesmo poema.

Comenzamos por El niño yuntero. Unha realidade que (felizmente) hoxe descoñecemos: a dos nenos e nenas nados para traballar no campo, coma auténticos bois sometidos ó iugo que tiran do arado. Escoitamos a Víctor Jara, Mocedades e Joan Manuel Serrat:





Escoitemos agora Llegó con tres heridas, interpretado por tres "pesos pesados": Mercedes Sosa e Pata Negra, Joan Báez e Joan Manuel Serrat. (Para o meu gusto, a primeira, impresionante):





Andaluces de Jaén, o poema sobre os homes adicados á colleita da aceituna, está interpretado por Paco Ibáñez e Jarcha.







domingo, 3 de octubre de 2010

CONSTANCIA E ESPÍRITO DE SUPERACIÓN




Un vídeo sobre alfareiría nun blog de Educación Musical...?

Pois non, non teño toleado.

Este documento coñecino a través de Gracia Santorum, de Trafegando Ronseis. Ela falaba de competencias, e de Aprender a aprender. Pero, despois de botarlle unha ollada, pensei que resultaba imprescindible para un músico.

Cantas horas adicadas a repitir unha peza, ata conquerir dominala? Canta concentración e canto tesón? As claves: paciencia, constancia e espírito de superación.

Evidentemente, non todos podemos ser Mozart. Pero adicarse á Música, ademais de nos aportar moitas satisfaccións persoais, permítenos desenvolver unha serie de cualidades que serán vitais para a nosa vida adulta.

Disfrutade do vídeo, e aplicarvos o conto!




OS XIGANTES E OS ANANOS

Este é o título do conto que temos empregado nas aulas de Educación Infantil de 4 anos para traballar a Intensidade do son.

Esta presentación está elaborada a partires da tradución do conto titulado Los gigantes y los enanos, de Huidobro e Velilla, incluído no libro Suena, suena 1. 





lunes, 20 de septiembre de 2010

LABORDETA, O CANTOR DA LIBERDADE



O día de onte deixounos coa triste nova da morte de Labordeta, o cantor da Liberdade.


Profesor, cantautor, político, pero, sobor de todo, poeta, José Antonio Labordeta adicou a súa vida a loitar pola súa terra, pola xustiza e pola liberdade. Poeta comprometido, para facer chegar os seus escritos ó grande público, converteuse en cantautor comprometido. E o seu compromiso levouno, mesmo, ó Senado, onde, alleo á "política de partido", se caracterizou por ser un representante do pobo, do seu pobo: Aragón.

Xa vai facendo algúns anos (medio século) tiven un profesor de Literatura do que non lembro ter aprendido nada especial. Tan só unha pequena - grande frase: "Lede, porque a lectura vos fará libres".

Hoxe, lembrando a José Antonio Labordeta, estas palabras recobran protagonismo. Porque poesía, liberdade e Labordeta convírtense en sinónimos.





José Antonio Labordeta marchou coa súa mochila ó lombo. Pero a súa música e os seus poemas perduran.



martes, 27 de julio de 2010

A NENA E O GRILO: MÚSICA PARA CATIVOS ALTAMENTE RECOMENDADA PARA MAIORES





Na pasada edición da Feira do Libro de Vigo merquei A nena e o grilo, un libro con CD de OQO Editora.


Trátase dunha obra de Magín Blanco, con ilustracións de Iván Prieto e a colaboración de grandes cantantes da nosa música tradicional, como Ugia Pedreira, Guadi Galego, Uxía Senlle ou Fred Martins.


Debo dicir que, cando merco música infantil, fágoo sempre con certa prevención e moitas dúbidas, porque non resulta infrecuente que os autores aderecen as súas composicións cun toque de "ñoñería" que, alomenos a min, resúltame insoportable.

Non é o caso deste libro - disco, do que diría que é pura poesía dende o principio ó final: unha presentación delicada, unhas ilustracións de grande expresividade, cheas de cor, todo elo misturado e sumado ó bo facer de músicos consagrados. Como resultado, conquiren facer desta obra un agasallo para a vista e os oidos, cheo de tenrura e sensibilidade.


O dito: música para nenos altamente recomendada para adultos.

Para "abrir boca", aquí tendes un video - presentación do espectáculo.

lunes, 26 de julio de 2010

AS COUSAS DE AVELINO




Teño o pracer de vos presentar As cousas de Avelino, o meu novo blog. Pero... que é As cousas de Avelino? E... quen é Avelino...?

As cousas de Avelino é o título do blog da Aula de Música do C.E.I.P. Frian - Teis. Nel iremos colgando materiais e actividades de interese para o desenvolvemento das clases nos distintos niveis.

E... por que ese nome...? Quen ven sendo Avelino...?

Avelino é a mascota da nosa aula. Colgado na porta, é o que indica a ubicación da Aula de Música, o que pregunta o "santo e seña" que permite acceder a ela. 

Mais este nome non é arbitrario. Pretende ser unha homenaxe a Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo. Unha lenda no mundo da música galega e, sen dúbida, o responsable de que o instrumento máis representativo do noso folclore teña pervivido coa forza que hoxe ten. 

Dicir Avelino Cachafeiro é dicir Galicia, terra, gaita, alma...






"O que non se pode é esquencer a nosa ialma, a nosa máis pura manifestazón; e o que dá door é notar como, pouco a pouco, a gaitiña vai morrendo. Cando en Galiza a gaitiña seña como a zanfona é agora, nós xa non seremos galegos. Seremos fillos sin nai, seremos... ou millor dito, xa non seremos ... ¿Que é un corpo sin ialma?".





(Palabras de Avelino Cachafeiro; caricatura de Castelao)









miércoles, 5 de mayo de 2010

BOLERO, DE MAURICE RAVEL


Xa sabes que un Obstinato consiste nunha estrutura que se repite continuamente. Se a estrutura é rítmica, dicimos que o obstinato é rítmico; se a estructura é melódica, o obstinato será melódico.

  • A continuación podes escoitar o Bolero de Ravel. Trátase dun magnífico exemplo de obstinato. Eres quen de escoitalo? Trátase dun obstinato rítmico ou melódico?
  • Fíxate con atención nos instrumentos que van soando. É unha auténtica exploración da orquestra!
  • Por último: tes reparado no tempo que levas escoitando esta peza? Teste aburrido? Como é posible que, despois de tanto tempo, e, a pesares, do obstinato, non resulte "repititiva"? Terá algo que ver que Maurice Ravel fora un fantástico instrumentador? 




Como ves, este vídeo da moitísimo "xogo": dende a expresividade do Director ata os instrumentos que se van sucedendo ó longo da peza. 

Para tirarlle máis aproveitamento á audición, descubre os nomes de cada instrumento, na mesma orde na que aparecen. Axúdate do recurso que atoparás premendo neste recadro: