miércoles, 22 de mayo de 2013

COÑECENDO O CLARINETE




O gato en Pedro e o lobo.

Sergei Prokofiev elixiu o clarinete para representar o papel do gato. Se te fixas, produce un son, en ocasións, sixiloso. Semella que está a rir, polo que, en moitas ocasións, chámaselle o tubo da risa.




Este é o instrumento que nos restaba coñecer na familia de vento - madeira. A súa embocadura é de lingüeta simple.

Escoita á clarinetista Sabine Meyer interpretando o Adagio do Concerto para clarinete de Mozart:



martes, 14 de mayo de 2013

A PRIMAVERA



Un concerto para violín de Antonio Vivaldi. 

Antonio Vivaldi foi un violinista e compositor italiano que vivíu no século XVII (preme neste enlace para saber máis sobre a súa biografía).

As súas obras máis famosas son os catro concertos que conforman As catro estacións

As catro estacións son un bo exemplo de música descriptiva. O compositor inspirouse nuns poemas (escritos por el mesmo) nos que describe cada unha das estacións. Este fragmento corresponde á primavera

Chegou a primavera e alegres
saúdana os paxaros co seu ledo trinar, 
e as fontes que, ó doce soprar das brisas, 
corren febles, marmurando. 

Veñen cubrindo o ceo negras nubes
e lóstregos e tronos anuncian a treboada. 
Unha vez que quedaron estes silenciosos,
os paxaros voltan ó seu ledo trinar.


Aquí tes un vídeo que corresponde á interpretación deste fragmento. Tocan I Cameristi della Scala. O solista é Francesco Manara




Fíxate nos seguintes aspectos: 
      • Un concerto é unha obra para un instrumento solista e orquestra. Que instrumento cres que é o solista en As catro estacións?
      • A que familia pertencen os instrumentos que participan no concerto?
      • Ó fondo podes ver (e escoitar) un instrumento descoñecido chamado clavecín. Na época de Vivaldi, o clave acompañaba á orquestra (formada por instrumentos de corda fretada).
      • Descubres unha melodía que se repite...? Chámase ritornello. É un xeito moi habitual de compoñer na época de Vivaldi

martes, 7 de mayo de 2013

AS NOSAS COPLAS DOS MAIOS



Como outros anos, o noso Centro vai participar na Festa dos Maios organizada polo Plan Comunitario de Teis.

Por ese motivo, xa levamos unhas semanas preparando as coplas na Aula de Música. Temos partido dunha copla tradicional; engadímoslle un ritmo para interpretar coas claves. E logo, os rapaces de 4º, 5º e 6º curso de Primaria inventaron as súas propias.

Neste enlace atoparedes a selección final que temos feito.

Escoita a nosa Cantiga dos Maios 2013, apréndea, e acompáñanos o vindeiro sábado no Parque da Riouxa.

miércoles, 1 de mayo de 2013

OS INSTRUMENTOS DE VENTO (II)



Hoxe falaremos sobre os de vento - metal

Como lembraredes, noutro post presentamos os aerófonos de madeira. Hoxe faremos o mesmo cos aerófonos de metal.

Os instrumentos que forman parte desta familia presentan unhas características similares:

      • están construídos en metal; 
      • están enrollados sobre si mesmos; 
      • a embocadura ten forma de copa; 
      • rematan nunha grande campá, chamada pavillón
      • teñen un son estridente.
Contrariamente ó que ocurre nos instrumentos de vento - madeira (nos que a vibración se produce ó romper o aire contra un bisel ou ó vibrar unha ou dúas lingüetas) nos instrumentos de vento - metal a vibración prodúcena os beizos do instrumentista

A historia dos aerófonos de metal é moi antiga. As trompetas empregábanse como instrumentos militares xa en tempos dos exipcios (ou incluso antes). Outros (coma a trompa) teñen evolucionado a partir de instrumentos construídos con cornos de animais. 

Aínda que non o pareza polo espazo que ocupan, os instrumentos de metal son tubos dunha grande lonxitude. A altura do son ven dada por esta: canto máis longo é o tubo, o son é máis grave; canto máis curto, o son será máis agudo. 

Outro elemento que contribúe a variar a altura do son é a presión dos beizos do instrumentista: canto máis relaxados, o son será máis grave; canto máis tensos, o son será máis agudo. 

Os intrumentos de vento - metal están, dende o punto de vista tecnolóxico, moi evolucionados. A lonxitude do tubo modifícase cun sistema de pistóns ou válvulas. Neste enlace podes comprobar o efecto que producen as válvulas.




O único aerófono de vento - metal que carece de pistóns é o trombón de varas. Neste instrumento, a lonxitude do instrumento modifícase coa posición da vara, que se pode alongar ou acurtar, producindo un efecto chamado glissando. Neste enlace comprabarás como funciona este instrumento. 

O timbre destes instrumentos pode modificarse, tamén, empregando unha especie de tapón que se coloca na campá, e que recibe o nome de sordina



Neste vídeo, no que está gravada unha sinxela explicación sobre a trompeta nun concerto para bebés, poderás coñecer algunhas cousas sobre este instrumento, e as poderás extrapolar ó resto de instrumentos que constitúen a familia. 




A familia do vento - metal está integrada por catro instrumentos, que, de agudo a grave son: a trompeta, a trompa, o trombón e a tuba
                                                                                                                                     




A trompeta é o instrumento máis agudo da familia. Louis Armstrong foi un famoso trompetista, e unha das principais figuras do jazz. Escóitao neste vídeo no que interpreta unha das súas pezas máis famosas: When de Saints go marching in. Fíxate nos instrumentos que o acompañan. Tamén atoparás un trombón de varas, considerado en moitas ocasións como unha trompeta grave.









Despois da trompeta, a trompa é o instrumento máis agudo da familia. Escoita ó Conxunto de Trompas das Orquestras Sinfónica e Filarmónica de Viena gravando a banda sonora de Parque Xurásico







A tuba é o instrumento máis grave da familia. Aquí tendes un divertido vídeo no que, toda a familia, acompaña á tuba que actúa como solista.






Para rematar, comproba o que sabes, ou aprende todavía máis cousas con estes dous materiais educativos que temos atopado na Plataforma Agrega: