miércoles, 10 de junio de 2015

MÚSICA E COMPETENCIAS




Elaborando unha liña do tempo. 

Entre os estándares de aprendizaxe que a materia de Educación Musical recolle para curso de Primaria no novo currículo figuran os seguintes:


    • EMB2.3.1. Procura información bibliográfica, en medios de comunicación e en internet sobre instrumentos, compositores/as, intérpretes e eventos musicais. 
    • EMB2.3.2. Presenta e expón a información de xeito claro, ordenado e limpo en varios soportes.
As competencias vinculadas a estes estándares (aparte da Conciencia e expresión culturais) son: 
    • Aprender a Aprender
    • Comunicación lingüística
    • Competencia dixital
Durante os últimos meses, o Bolero de Ravel servíunos para traballar moitas cousas: o obstinato, os instrumentos musicais, o crescendo... A partir deste traballo parecía axeitado investigar sobre a vida de Maurice Ravel. E iso fixemos en 6º B. Sen embargo, non se trataba unicamente de saber algo sobre a súa vida, senon de aprender a procurar, a seleccionar e a organizar a información dun xeito crítico. 

Así pois, os pasos dados foron: 
    1. Individualmente, buscamos información sobre Ravel. Non se tratou de copiar e pegar, nin de facer unha redacción. Había que seleccionar as datas significativas na súa vida, e, ó lado, indicar o feito acaecido. 
    2. Unha vez obtida a información, enviábase por email á mestra. 
    3. Analizadas as respostas pola mestra, entre todo o grupo clase, e empregando o cañón, chegábamos a un consenso, para elixir unicamente as datas importantes e significativas. Con todo isto elaboramos un documento. 
    4. Feito este, os alumnos dividíronse por grupos de catro. A cada grupo se lle entregou un ipad. 
    5. Tratábase agora de facer unha liña de tempo coa app Timeline. Para elaborala, cada grupo tivo que: 
        • resumir en unha ou dúas palabras o contido explicado en cada data;
        • elixir en Internet unha imaxe (entre as libres de dereitos) apropiada para ilustrar o feito;
        • unha vez elaborada a liña do tempo, enviala por email á mestra.
               6. Por suposto, todos os membros do grupo tiveron que traballar e participar ó mesmo nivel. 

A actividade resultou moi gratificante, e, como vedes, ademais de coñecer quen era Ravel, aprenderon moitísimas máis cousas (a primeira delas, a respectarse e traballar en equipo).

Aquí tendes as imaxes dos alumnos traballando:



E aquí, os resultados da súa tarefa: 



jueves, 4 de junio de 2015

LENDO CINE...


...  e música!

Ler non é unha competencia exclusivamente vencellada coa clase de lingua; nin son letras o único que temos que ler. Por iso podemos dicir que, esta mañán, cos nenos e nenas de 1º e 2º, estivemos a ler... cine e música!

No marco do Festival Primavera do Cine, hoxe programouse unha actuación especialmente deseñada para o público infantil. Tratábase do espectáculo titulado Escoita, é cine!, creado polo Trío Caspervek, no que toca o noso amigo Brais González.

Ofrecéronsenos catro curtametraxes:
Os rapaces entenderon perfectamente o argumento das curtas. Incluso descubriron como se poideron gravar os equilibrios imposibles do circo chinés en Les Kirikes (por certo, película de cine mudo coloreada por Segundo de Chomón). Disfrutaron moitísimo coas aventuras do gato Félix. E demostraron que coñecían a Charlot antes, incluso, da proxección da película.

Pero tamén souberon ler a música: espontaneamente xurdiron palmas cando se trataba dunha polca ou unha alegre melodía; mais, sen que ninguén llelo indicara, estas paraban subitamente cando o carácter da mesma cambiaba. 

Para rematar, o noso compañeiro Ángel tivo a oportunidade de emular a Charly Chaplin no escenario. E, dita sexa a verdade, non o fixo nada mal, porque, entre nós... Ángel é un cómico!