martes, 19 de noviembre de 2013

AFINA O TEU OUVIDO




Para traballar as notas da escala e recoñecer a súa altura presentámoste esta colección de actividades. 

Navegando pola Rede temos atopado estas actividades para traballar o recoñecemento melódico.

Fíxate ben. Isto é de nota!























miércoles, 6 de noviembre de 2013

CHEGOU O OUTONO



Unha boa ocasión para traballar a Vivaldi.

E, en concreto, para escoitar e analizar o seu Concerto para violín titulado O Outono.

Como todos os concertos do Barroco, o Outono de Vivaldi ten tres movementos: o primeiro e o terceiro rápidos, e o segundo lento.

Igual que os outros tres que compoñen o Ciclo das Catro Estacións, a música deste concerto ten carácter descritivo. É dicir, a través dela podemos imaxinar algúns feitos, celebracións e deportes que se suceden durante o outono:
  • o primeiro movemento describe a vendima e a festa conseguinte (borrachos incluídos); 
  • o segundo movemento, o sono tras a festa; 
  • o terceiro, a caza
Aquí deixamos este enlace a un concerto que atopamos en Youtube. Desgraciadamente, só coñecemos o nome da solista: Julia Fischer. Pero temos elixido este vídeo, e non outros, pola claridade do seu son, pola sinxeleza e fermosura do entorno e por nos permitir descubrir con moita certeza os instrumentos que interpretan esta peza.


Aproveitando o tema da vendima, os nosos alumnos e alumnas de 4º curso de Primaria estiveron investigando nas aldeas cos avós. Aquí está esta magnífica reportaxe fotográfica de Haritz, Sheila e Aldara. Os tres déronnos moitas explicacións na aula sobre os traballos realizados: a vendima, o lagar, o pisado da uva, as estruxadoras mecánicas, o mosto, o proceso de fermentación da uva... Grazas ós tres, ós pais, ós avós, e ós irmáns, por facernos coñecer máis polo miúdo a nosa tradición. 

Sheila e mais a súa irmá Andrea decidiron logo dar un paseo polo bosque cercano, e achegarnos unhas fermosas imaxes do Outono... Toca preparar o Magosto!

Unhas e outras fotografías podedes velas neste álbume.


lunes, 4 de noviembre de 2013

SONORIZANDO POEMAS



No 5º curso de Primaria. 

Os alumnos e alumnas de 5º de Primaria estiveron a traballar as calidades do son. Para practicar os cambios de intensidade decidimos interpretar o poema de Antonio Rubio titulado Outubro. Tras analizar as posibles dinámicas, gravámolo.

Logo decidimos mellorar os resultados engadindo efectos sonoros do Banco de Sons do INTEF, e músicas libres de dereitos de Jamendo.

O carácter das músicas de acompañamento vai determinar moito o resultado final. E, como veredes, este é ben distinto.

Os rapaces de 5º A elaboraron a primeira versión, para a que empregaron a peza de Premium Music titulada Ambient Atmosphere Chillout Sunrise Session Soundcape Theme Soundtrack 004.




Pola súa banda, os de 5º B elixiron The Hill of the Mourning Crows, de Enzo Carlino.



Que vos parece...?