jueves, 28 de febrero de 2013

OS INSTRUMENTOS DE VENTO (I)



Entre os instrumentos de vento (ou aerófonos) podemos facer unha primeira división, xa sexan de vento-madeira ou de vento-metal.

Hoxe imos tratar sobre os aerófonos da sección de madeira, nos que a clasificación ven dada segundo o seu tipo de embocadura:

      • de bisel (como nas frautas). Neste caso, o son prodúcese cando o aer é cortado por unha arista afiada;
      • de lingüeta simple. O son prodúcese ó vibrar unha cana fina; 
      • de lingüeta dobre. O son prodúcese ó vibrar unha contra a outra dúas canas moi finas atadas cun fío e incrustadas no tubo do instrumento. 
A esta clasificación responden tanto instrumentos da orquestra clásica, como da música popular ou folclórica. Coñéceos máis polo miúdo a través deste enlace do IES Mateo Alemán de Andalucía. Comprenderás como se constrúe cada embocadura, como se produce o son, e podrás escoitar vídeos explicativos. 

Un instrumento senlleiro na música tradicional de Galicia (e tamén de Asturias e o norte de Portugal) é a gaita. Este rapaz do IES Benedicto Nieto, de Pola de Lena (Asturias) explícanos todas as súas partes:





Le detidamente a documentación recollida nestes enlaces. Logo, completa a táboa que atoparás na túa ficha. 

miércoles, 27 de febrero de 2013

COÑECENDO A FRAUTA TRAVESEIRA



Da man de Prokofiev, coñecemos o instrumento máis agudo da familia de vento - madeira.

Trátase da frauta traveseira. Este instrumento representa ó paxaro en Pedro e o lobo. Fíxate nas súas partes.


      • Cabeza: é a peza superior da frauta traveseira. Vai encaixada no corpo. Na cabeza está a embocadura. 
      • Embocadura: é a parte da frauta pola que se introduce o aire. Na frauta traveseira, a embocadura é de bisel. 
      • Corpo: é a peza intermedia da frauta traveseira. 
      • Chaves: é un mecanismo existente no corpo da frauta traveseira que permite tapar os buratos e producir sons de diferente altura. 
      • Pé ou Pata de Do: é a peza inferior da frauta traveseira. Vai encaixada na parte inferior do corpo. 


A frauta traveseira caracterízase porque ten unha embocadura en forma de bisel



Para facela soar, o músico enfoca o aire de xeito que este rompa contra a arista afiada da boquilla, do mesmo xeito que fas cando sopras na boca dunha botella e produces son. 

Nun principio, as frautas traveseiras construíanse con madeira. Sen embargo, cando aumentaron o número de músicos e de instrumentos da orquestra, precisouse un instrumento que producira un maior volume, conservando o seu mesmo timbre. O avance da técnica permitiu construír unha frauta traveseira de metal cun timbre similar á frauta traveseira de madeira. 

Esta é a razón pola que, construíndose de metal, a frauta traveseira pertence á familia dos instrumentos de vento - madeira. 

Imos agora escoitar como soa unha frauta traveseira. 

Aquí tendes a Zachari Kellog, un cativo de dez anos que toca a Mozart coma os anxos. E, mentras o escoitas... que sabes do instrumento que o acompaña..?





Un gran dominio do instrumento permite facer cousas prodixiosas. Este frautista, ademais de tocar unha mistura de temas que, sen dúbida, recoñecerás, é que de empregar o instrumento coma se estivera acompañado por unha batería.


Fantástico, verdade?

E, para rematar, comproba os teus coñecementos sobre a frauta traveseira con esta actividade interactiva de Claudia Sánchez






miércoles, 20 de febrero de 2013

COÑECENDO O FAGOT



No 3º curso de Primaria estamos traballando Pedro e o Lobo

Temos coñecido o personaxe do Avó, interpretado polo fagot. Pero... que sabemos deste instrumento...? Se premedes na imaxe, obteredes máis información.





Agora escoita esta interesante peza contemporánea para fagot e dous percusionistas. 



jueves, 14 de febrero de 2013

POÑENDO MÚSICA ÓS POEMAS



Un poema non só é letra; tamén é música. 

Un poema transmite un sentimento a través do seu texto; a música fai o mesmo, a través da combinación de altura, intensidade ou timbre dos seus sons.

Aquí temos un poema escrito por Ana Mº Fernández, titulado Aires. Pertence ó libro Do A ao Z con Rosalía. É unha homenaxe á máis famosa das nosas poetisas.


Aire miudiño e calmo
que falas na miña fala,
que me afastas os pesares,
que as feras do mundo calas.


Aire que asubías cedo,
que cedo moves nas ramas,
que traes lingua de regato
e a man  limpa e perfumada.


Aire que chegas do ceo,
que me aloumiñas a cara,
que sabes contarme cousas
que nunca foron contadas.


Lévame contigo, leva
ao cimo dunha montaña,
ás corredoiras escuras,
á ría que o campo baña.


Aire miudiño e calmo,
que falas na miña fala,
que envolves a miña terra
co perfume de mil fragas.


Lévame cara a onde queiras,
que o tempo logo se acaba!


Descubre que sentimentos te inspira a súa lectura.

A continuación, preme nos seguintes enlaces, nos que atoparás distintos álbumes musicais. Escoita as pezas que os integran, e selecciona aquelas que expresen un sentimento semellante ó que te ten inspirado o poema.



E agora... cal é a túa proposta para musicar o poema...?





martes, 5 de febrero de 2013

A RIANXEIRA


En 6º curso de Primaria estamos aprendendo a tocar a Rianxeira.

Pero... que sabemos sobre esta peza que xa todos os galegos consideramos parte da nosa identidade...?

O magnífico pograma da TVG No bico un cantar ofrécenos o seu primeiro capítulo para coñecer todo sobre esta canción.