martes, 27 de julio de 2010

A NENA E O GRILO: MÚSICA PARA CATIVOS ALTAMENTE RECOMENDADA PARA MAIORES





Na pasada edición da Feira do Libro de Vigo merquei A nena e o grilo, un libro con CD de OQO Editora.


Trátase dunha obra de Magín Blanco, con ilustracións de Iván Prieto e a colaboración de grandes cantantes da nosa música tradicional, como Ugia Pedreira, Guadi Galego, Uxía Senlle ou Fred Martins.


Debo dicir que, cando merco música infantil, fágoo sempre con certa prevención e moitas dúbidas, porque non resulta infrecuente que os autores aderecen as súas composicións cun toque de "ñoñería" que, alomenos a min, resúltame insoportable.

Non é o caso deste libro - disco, do que diría que é pura poesía dende o principio ó final: unha presentación delicada, unhas ilustracións de grande expresividade, cheas de cor, todo elo misturado e sumado ó bo facer de músicos consagrados. Como resultado, conquiren facer desta obra un agasallo para a vista e os oidos, cheo de tenrura e sensibilidade.


O dito: música para nenos altamente recomendada para adultos.

Para "abrir boca", aquí tendes un video - presentación do espectáculo.

lunes, 26 de julio de 2010

AS COUSAS DE AVELINO




Teño o pracer de vos presentar As cousas de Avelino, o meu novo blog. Pero... que é As cousas de Avelino? E... quen é Avelino...?

As cousas de Avelino é o título do blog da Aula de Música do C.E.I.P. Frian - Teis. Nel iremos colgando materiais e actividades de interese para o desenvolvemento das clases nos distintos niveis.

E... por que ese nome...? Quen ven sendo Avelino...?

Avelino é a mascota da nosa aula. Colgado na porta, é o que indica a ubicación da Aula de Música, o que pregunta o "santo e seña" que permite acceder a ela. 

Mais este nome non é arbitrario. Pretende ser unha homenaxe a Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo. Unha lenda no mundo da música galega e, sen dúbida, o responsable de que o instrumento máis representativo do noso folclore teña pervivido coa forza que hoxe ten. 

Dicir Avelino Cachafeiro é dicir Galicia, terra, gaita, alma...






"O que non se pode é esquencer a nosa ialma, a nosa máis pura manifestazón; e o que dá door é notar como, pouco a pouco, a gaitiña vai morrendo. Cando en Galiza a gaitiña seña como a zanfona é agora, nós xa non seremos galegos. Seremos fillos sin nai, seremos... ou millor dito, xa non seremos ... ¿Que é un corpo sin ialma?".





(Palabras de Avelino Cachafeiro; caricatura de Castelao)