domingo, 16 de diciembre de 2012

PANXOLIÑAS E NADAIS




Chega o Nadal, e o aer achéganos doces aromas e harmoniosos sons. 

Porque unha das tradicións máis senlleiras do Nadal é a das Panxoliñas e os Nadais.

Nas aldeas, durante os días que van do Nadal a Reis, era normal que os nenos (ás veces acompañados de mozos e mozas) percorreran a parroquia cantando e levando (a cambio) algunha lambetada. Estes grupos, segundo a bisbarra, recibían diferentes nomes: bandos, xuntas, panxoleiros, aguinaldeiros, ranchos...

A señora Olga lembra así esta tradición que existía no Nadal da súa nenez:


O Proxecto Documental Integrado deste curso (A Lingua sabe a pan), convídanos a recuperar as nosas tradicións máis fermosas. Coa intención de recuperar a dos Cantos de Nadal, este curso temos aprendido distintas panxoliñas que queremos compartir convosco. Non son pezas perfectas nin na entonación nin na gravación. Pero témolas feito nós con moito agarimo e interese, e por iso nos gustan e estamos orgullosos delas.

      • Aínda que moi cativiños, os nenos e nenas de Educación Infantil sumaron as súas voces para cantar Que levas, pastor?





      • Os de 1º de Primaria cantan con moita delicadeza (xa que o Neno pode espertar) Ímonos xa pra aldea. 



      • No 2º curso de Primaria cantamos Cantade ben baixo.





      • Os rapaces de 3º cantaron Vinde ledos, galeguiños



      • Os alumnos e alumnas de 4º curso de Primaria aprenderon O aguinaldo.





      • En 5º cantamos unha panxoliña ben leda, que, ademais combiña dous ritmos moi nosos: a muiñeira e a xota. Trátase de Se soubesen os meus amiguiños



      • E en 6º de Primaria, Pan, para para pan, fago




Convidámosvos a aprendelas connosco e a recuperar a tradición dos Cantos de Nadal. 


jueves, 22 de noviembre de 2012

OS INSTRUMENTOS DE CORDA


Os instrumentos de corda (ou cordófonos) son aqueles nos que o son é producido pola vibración dunha corda. Segundo o xeito no que se produce a vibración, os instrumentos de corda pódense dividir en tres grupos:

      • Instrumentos de corda fretada: aqueles nos que a vibración se produce ó fretar a corda cun arco. Entre eles, atópanse o violín, a viola, o violonchelo e o contrabaixo. 
      • Instrumentos de corda pulsada ou pinzada: aqueles nos que a vibración se produce ó puntear as cordas cos dedos ou cunha púa. Entre eles está a guitarra, a harpa, o laúde, a bandurria, a balalaika, o clavicémbalo ou o banjo. 
      • Instrumentos de corda percutida: aqueles nos que a vibración da corda se produce ó ser golpeada esta por un macillo que forma parte dun complicado sistema mecánico. O máis destacado é o piano

miércoles, 31 de octubre de 2012

DANZA MACABRA


Achegándonos ó Samaín, en 5º curso de Primaria estivemos a disfrutar cunha montaxe sobre a Danza Macabra.

A Danza Macabra foi composta polo músico francés Camile Saint - Saëns, e narra unha lenda sobre a noite do 31 de outubro, data na que os celtas celebraban o Samaín. Este músico é un vello coñecido noso, xa que compuxo tamén a obra O Carnaval dos animais.

Para lembrarvos o argumento, achegámosvos este vídeo: non fan falla palabras para explicalo.



Tras coñecer o argumento desta música descriptiva, presentamos agora a versión concerto, para descubrir os instrumentos que participan. Está interpretada pola Xove Orquestra Teresa Carreño de Venezuela, e dirixida por Gustavo Dudamel. Esta orquestra ten un notable interese pedagóxico, xa que os seus compoñentes son todos moi noviños.




E para rematar, un agasallo. A Danza Macabra como música de fondo de imaxes de películas de Tim Burton, realmente terroríficas: 



Feliz Samaín!

viernes, 5 de octubre de 2012

PREPARANDO O SAMAÍN

A menos dun mes para o Samaín, xa empezamos a preparar a nosa festa.

E... que mellor que facelo cantando?

Así que traemos connosco a Mamá Cabra, coa canción O Samaín, recollida no disco Patatín, patatán. O vídeo é unha montaxe feita por Julia González, a nosa benquerida compañeira do C.E.I.P. Mestres Goldar.





Xa a tes aprendido...?

jueves, 27 de septiembre de 2012

ANALIZAMOS E APRENDEMOS CON "NA CAVERNA DO REI DA MONTAÑA"

Aínda que moi curtiña, esta peza da para moitísimo. 

Os alumnos e alumnas de 5º curso de Primaria aprendimos un montón de cousas (e máis que imos aprender) despois de escoitar dous minutos de audición.

Se premedes na foto, podedes comprobalo.


jueves, 20 de septiembre de 2012

NA CAVERNA DO REI DA MONTAÑA

No 5º curso de Primaria empezamos o curso cunha refrescante audición. 

Escoitamos Na caverna do rei da montaña, do compositor noruegués Edvard Grieg. E asegúrovos que, ademais de nos gustar moito, vainos dar moito de si.

Convidámosvos a escoitar a interpretación da Orquestra Filarmónica de Berlín, dirixida por Järvi.




lunes, 10 de septiembre de 2012

DEFENSA DA LEDICIA

No comezo do novo curso, o noso lema: defender a ledicia. 

E que mellor que defendela coas palabras de Mario Benedetti e a voz de Joan Manuel Serrat.




Feliz inicio de curso!


jueves, 5 de abril de 2012

I ENCONTRO EUROPEO DE ORQUESTRAS FOLK



Estase a celebrar en Vigo, do 5 ó 8 de abril.

O encontro está organizado pola Rede Europea de Orquestras Folk, da que forman parte a Fundación Sondeseu, a Asociación Artemotiva de Turín, a Royal Conservatoire de Escocia e a Sibelius Academy de Helsinky.

Organizado, nesta ocasión, polos anfitrións (Sondeseu), inclúe música de rúa, obradoiros, clases maxistrais e concertos.

Aquí tendes algúns dos actos programados:

      • Xoves 5 de abril: 
          • 13:00: concerto na Porta do Sol (alumnos da E-Trad de Vigo)
          • 20:00: concerto no Auditorio do Concello (Agrumar e a Sibelius Academy Big Band)
      • Venres 6 de abril:
          • 13:00: concerto na Porta do Sol: Tradalp (Italia)
          • 20:00: concerto no Auditorio do Concello de Folkestra e Tradalp (Italia)
      • Sábado 7 de abril: 
          • 13:00: concerto da Sibelius Folk Big Band na Porta do Sol. 
          • 20:00: concerto no Auditorio Mar de Vigo de Tradalp (Italia), Sibelius (Finlandia) e Sondeseu (Galicia).

Unha ocasión de vivir estas datas dun xeito diferente e de disfrutar coa música tradicional. 

domingo, 29 de enero de 2012

MÚSICA POLA PAZ



A miña amiga Begoña tenme achegado este vídeo para conmemorar o Día da Paz.

A música, como comprobaredes, é pegadiza e semella que alegre. Está composta por un artista reaggae (Tiken Jah Fakoly) moi coñecido na Costa de Marfil, afeccionado a facer unhas letras plagadas de denuncias, circunstancia pola que ten sufrido varios intentos de asasinato.

O vídeo ten sido editado por un membro da Asociación Ecoloxista Ben Magec.

Como veredes pola tradución, a letra non é en absoluto banal. Dende a posición dos "vencidos", o autor plantéxase o tema do reparto de África (e do mundo) por parte das potencias do Primeiro Mundo (ou sexa, nós...). Iso que semella tan demodé e decimonónico, ocurre na actualidade, só que empregando medios máis sofisticados e maquillados de bondade (guerras preventivas...).

A nosa responsabilidade é, cando menos, recoñecer que somos parte do sistema que está a maltratar a unha parte da Humanidade.



sábado, 28 de enero de 2012

HOMENAXE A XOSÉ MANUEL SEIVANE



Hoxe a música galega, e concretamente, o mundo da gaita, están tristes...

... por ter coñecido a nova do pasamento de Xosé Manuel Seivane, artesán que, co seu bo oficio, conqueriu facer do Obradoiro Seivane o referente dos grandes gaiteiros da nosa terra. Grazas a el, o apelido Seivane está para sempre vencellado a este instrumento, do que a súa neta, Susana, é, na actualidade unha das máis recoñecidas intérpretes.

Os grandes gaiteiros galegos do panorama actual recoñecen a grande débeda que teñen con este home: Carlos Núñez, Xosé Manuel BudiñoToniño de Treixadura... Todos falan da súa bonhomía neste artigo do Faro de Vigo.

Cómpre despedir a este grande co noso Himno, interpretado magníficamente pola súa propia neta: Susana Seivane.