Os nenos e nenas do Segundo Ciclo de Primaria estivemos hoxe no Auditorio do Centro Cultural Novacaixagalicia, nun fantástico concerto dos Gaiteiros da Xistra.
Ademais de pasalo moi ben, e de ter a sorpresa de atopar vellos amigos, aprendimos moitísimo.
O concerto titulábase Como tocamos?, e o obxectivo do mesmo era aprendernos os tipos de formacións que podemos atopar na música tradicional galega.
Así, descubrimos que, en Galicia, a música pódese facer de calqueira xeito. Unha soa persoa bástase: este é o caso dos copleiros, que ían cantando romances, acompañados dun instrumento de corda (xeralmente, un violín ou unha zanfona).
Con dous intérpretes podemos cantar unha regueifa, unha "batalla verbal" na que se trata de pasar un bo rato e medir as dotes improvisatorias dos contendentes.
As pandereteiras ou cantadeiras só necesitan a súa voz e unhas pandeiretas para facer unha agrupación. Tamén poden incorporar pandeiros ou instrumentos domésticos (como a botella de anís ou a lata de pimentón).
Pero cando se trata de festas (e en Galicia hai moitas) o máis típico son os cuartetos. O máis usual, o formado por dúas gaitas, un tamboril e un bombo. Aínda que unha das gaitas pódese cambiar por unha requinta ou un requinto.
Por último, a murga mantén tres dos instrumentos do cuarteto: unha gaita, un bombo (que, neste caso, incorpora pratillos) e unha caixa (un tambor máis estreito e con bordóns). Pódenselle engadir clarinetes, requintos, saxofóns, etc.
E agora, vos deixamos con algunhas imaxes do concerto. Xa podedes imaxinar o ben que o pasamos!
No hay comentarios:
Publicar un comentario