miércoles, 10 de diciembre de 2014

MERGULLÁNDONOS NO HIP-HOP



Ti podes ter unha caixa de ritmos na túa voz.

Observa atentamente este vídeo no que Carlos Gende, un mozo de Vigo, nos fala do Beatbox, unha das súas afeccións.


Investiga sobre o Hip - Hop neste enlace. Completa o teu caderno coa información que podas obter aquí.

Para rematar, aquí tes este agasallo: un mozo australiano chamado Tom Thum que é un mestre do beatbox. Disfrútao!



Imaxe: ZARATEMAN. Leganés - graffiti 13. En Wikimedia Commons. CC BY SA

domingo, 16 de noviembre de 2014

O RITMO DAS CUNCHAS CHEGA A FINLANDIA


Na próxima xuntanza esperamos escoitalas acompañando unha melodía finesa. 

A pasada semana recibimos a visita de Lilli, Riina, Tuula e Jani, catro mestres fineses que chegaron onda nós para coñecer o noso sistema educativo.

A música tivo unha grande importancia durante a visita. O día da chegada, todos, nenos, mestres e familias, bailamos ó compás de Ondiñas veñen, na versión de Ana Kiro.



O segundo día recibimos ós nosos visitantes no Salón de Actos. Todo o alumnado levaba semanas preparando, na Aula de Música, Na beira. Por suposto, todos cantamos e bailamos. Pero, nesta ocasión, en vivo e en directo. E acompañados polos alumnos e alumnas de 3º A, que se especializaron no acompañamento de cunchas, Sabela (4º A), Adela (5 anos B) e a profe Ana F. na pandeireta e os profes Xan (gaita), e Manolo (tamboril). Os de 4º B dirixiron coas súas voces anxelicais e os seus xestos. 











Coido que resultou un intre moi familiar e entrañable. E, por suposto, os nosos instrumentos tradicionais suscitaron un grande interese entre os nosos visitantes. 



E, por iso, aprendímoslles a coller as cunchas. E, finalmente, agasallámoslles cun par delas. 


Agora temos pendente enviarlles por e-mail a partitura de Na beira e Ondiñas veñen. Talvez poidamos escoitar ambas as dúas cantadas en finés e con instrumentos tradicionais escandinavos. Aínda que seguro que as cunchas tamén formarán parte da orquestra. 


martes, 4 de noviembre de 2014

A VENDIMA


Os tempos de colleita do pasado mes teñen inspirado as nosas clases en 4º curso de Primaria. 

A canción que temos aprendido levounos a investigar sobre o lagar. Aquí tendes o traballo elaborado por Pablo, de 4º B.





E despois, claro, tiñamos que escoitar a Vivaldi, que no seu famoso concerto O Outono retrata acertadamente esta estación. Neste vídeo podemos constatar como o alumnado de 4º B traballou os dous primeiros movementos deste concerto: A Vendima e O Sono.



Imaxe: GOYA. La vendimia. Dominio público.

domingo, 26 de octubre de 2014

PREPARADOS PARA O SAMAÍN...?



Se o fas con esta canción será máis divertido.

A editorial Kalandraka achéganos este vídeo coa canción de Paco Nogueiras, recollida no seu disco Brinca Vai. Todavía non o coñecedes...? Pois axiña a mercalo! Será un agasallo moi apreciado pola rapazada.


Imaxe: ANTONIO. ¡Buh! En Flickr. CC BY SA

domingo, 12 de octubre de 2014

ENO SAGRADO EN VIGO


Unha xoia!

Os rapaces e rapazas de 5º de Primaria están aprendendo a tocar na frauta esta peza. Non imos desvelar, polo de agora, quen é o seu autor. Pero non nos resistimos a que compartades a beleza desta interpretación.



Imaxe: HARPAGORNIS. Vista Ría de Vigo (Puente de Rande). En Wikimedia Commons. CC BY SA

domingo, 31 de agosto de 2014

TRABALLANDO A COMPETENCIA LINGÜÍSTICA E A COMPETENCIA TIC CON ANTONIO VIVALDI



En 4º curso de Primaria estivemos a traballar sobre As catro estacións de Vivaldi.

Ademais de disfrutar moitísimo e aprender sobre os instrumentos de corda fretada, Vivaldi deu un gran xogo para traballar a competencias lingüística e o tratamento da información e a competencia dixital.

En primeiro lugar, pedimos ós alumnos que buscara información (en libros, ou na web) sobre Antonio Vivaldi.

Coas aportacións de todos, o grupo elaborou a súa propia biografía. Fixámonos moi ben en como ordear a información e en como usar os conectores correctamente. O resultado deste traballo está aquí:


A vida de Vivaldi transcurríu entre dúas fermosas cidades: Venecia (onde naceu) e Viena (onde morreu).

Para  coñecer un pouco máis polo miúdo ambas as dúas, pedimos ós rapaces que seleccionaran imaxes da Internet, e que a enviaran a través do e-mail ou que as trouxeran á aula mediante un lápis electrónico.

Así e Venecia:






E así é Viena:



Por último, traballamos a creatividade e a capacidade de síntese. Cada rapaz debeu elaborar un cómic sobre a vida do música. Aquí tendes unhas mostras:









martes, 22 de julio de 2014

SEIS CONTOS MUSICAIS



Creados polos nenos e nenas de Educación Infantil 4 anos A.

Despois de traballar os timbres de diversos instrumentos de pequena percusión, os nenos e nenas de Educación Infantil 4 anos A crearon estes seis contos musicais.



Parabéns, chicos!

Imaxe: Société Studio 49. Instrumentarium Orff- Schulwerck. En Wikipedia. CC BY SA.


jueves, 19 de junio de 2014

CONTOS DO MAR


Creados integramente polos alumnos e alumnas de 2º curso. 

A partir de sons da natureza, e con dúas premisas (que saíra Frianciño, a mascota da nosa Biblioteca, e que aparecera un barco chamado Prestige), os nenos e nenas de 2º de Primaria estiveron a traballar todo o curso sobre o seu conto.

Primeiro o inventaron colectivamente. Logo, levárono a casa para, por turnos, e en familia, ir ilustrándoo. E por último, tocou gravalo.

Esta mañán xa os vimos na clase. E Iago expresou que eran preciosos.

Un apuntamento: a Formación de Usuarios que damos na Biblioteca debe servir para algo, porque tamén estivo moi presente no conto.

Aquí tendes o conto de 2º A, titulado Frianciño e o Prestige.



E estoutro, titulado O esconxuro de Frianciño, foi creado polos nenos e nenas de 2º B.



Esperamos que, polo menos, vos gusten tanto como a Iago!

Imaxe: CAOS. Panorámica de la isla Sur de las Cíes desde la isla do faro. En Wikimedia Commons. CC BY SA

viernes, 23 de mayo de 2014

ADIVIÑA, ADIVIÑA...


http://pixabay.com/es/fruta-uvas-apple-97479/

Dime, que froita é...?

No noso cole estamos coa Campaña de Consumo de froita fresca. Algúns rapaces están "a se pór as botas" (que felicidade!).

Na clase de Música, os alumnos e alumnas de Educación Infantil teñen aprendido unha adiviña. Sabedes vós de que froita se trata...?



Adiviñaches...?


sábado, 3 de mayo de 2014

PREPARANDO A FESTA DOS MAIOS



                                                                                                               Cleide Isabel

No Parque da Riouxa.

Como en anos anteriores, a nosa ANPA está a preparar a celebración dos maios coas ANPAS doutros centros do barrio. A xuntanza será o vindeiro domingo día 11, no Parque da Riouxa.

Para ir preparando a festa, aquí están as coplas creadas polos alumnos e alumnas de 4º, 5º e 6º curso de Primaria sobre unha copla tradicional:




E para ir ensaiando, esta é a música, cantada polos rapaces de 6º A: 


Afinade as voces e preparade as vosas vestimentas brancas!

miércoles, 12 de marzo de 2014

O INVERNO



Das Catro Estacións, de Vivaldi.

O segundo movemento do Inverno caracterízase pola descrición das pingas da choiva. E como...? Pois tocando todos os instrumentos de corda en pizzicato, agás o violín solista, que interpreta a melodía fretando co arco.

Temos seleccionado dúas interpretacións de luxo. As dúas teñen algúns cantos anos, pero pagan a pena.

Na primeira podemos escoitar a Anne Sophie von Mutter (unha das mellores violinistas do mundo) dirixida polo finado Herbert von Karajan (un dos directores de orquestra máis apreciados da Historia da Música).




Na segunda, o concerto completo tocado polos mellores intérpretes de As catro estacións: os italianos I Musici. 

Este vídeo presenta a particularidade de que nos permite pasear por Venecia nunha época moi especial: o Entroido. Non en van o carnaval de Venecia é un dos máis afamados do mundo.




PIZZICATO



Unha técnica diferente para tocar os instrumentos de corda fretada.

Xa sabemos que o violín e a súa familia son instrumentos de corda fretada. Pero existen outras técnicas para tocalos. Unha das máis coñecidas é o pizzicatto, que consiste en peliscar as cordas cos dedos.

Neste humorístico vídeo poderedes ver a Alexander Labko interpretando unha famosísima peza de Johann Strauss: o Pizzicato Polka.




miércoles, 26 de febrero de 2014

HOXE FINOU PACO DE LUCÍA



O flamenco e a música están de loito.

Paco de Lucía (o único español Premio Príncipe de Asturias da Música ata o de agora) finou esta mañá lonxe da súa terra, cando disfrutaba da compaña da súa familia, en México.

Paco de Lucía, ademais de ser un portentoso guitarrista, foi un renovador do flamenco, mesturando os palos tradicionais cos ritmos do jazz, e incorporando instrumentos propios doutras culturas, coma o caixón. Un auténtico xenio da mestizaxe musical.

Temos seleccionado dous vídeos, que o mostran ó principio e ó final da súa carreira.

No primeiro, interpretando a peza que o lanzou á fama mundial: Entre dúas augas.





Estoutro corresponde a un concerto no Festival de Jazz de Leverkusen, no ano 2010. Dende a primeira nota se verifica que era un guitarrista con alma



Os homes pasan, mais a música permanece. Descanse en paz!

lunes, 24 de febrero de 2014

sábado, 22 de febrero de 2014

PREPARANDO O ENTROIDO




A unha semana da festa, xa temos inventado as nosas coplas.

Durante nas últimas semanas estivemos, na Aula de Música, preparando as coplas do Entroido. Baseámonos para iso nunha cantiga tradicional de resoancias mariñas e viguesas: Que che cae o cú.

Sobre esta melodía, cada aula de Educación Primaria creou a súa propia copla. Estes son os resultados, como vedes, moi variados e creativos.



jueves, 13 de febrero de 2014

MÚSICA, MAR E AMOR



14 de febreiro, Día dos Namorados.

Existe unha estreita vinculación entre o amor e o mar. Infinidade de poetas teñen relacionado as súas historias amorosas co vaivén das ondas mariñas.

A música é poesía. Tamén o mar é o protagonista de fermosas historias mariñas, case sempre cun toque triste e melancólico.

Para conmemorar o Día dos Namorados, e en relación co noso PDI deste curso (A lingua sabe a mar) lembramos algunhas destas historias musicais, amorosas... marabillosas!

MOCEDADES E PLÁCIDO DOMINGO. Maitetxu mía. Unha historia de emigración e do océano que separa de por vida a dous amantes.


MECANO. Natureza morta. A loita a tres entre Ana, Miguel e o mar celoso.



domingo, 26 de enero de 2014

TODOS A CANTAR E A BAILAR!




Mentras "Pintamos acuarelas".

Algúns alumnos de 3º B axudáronnos a gravar este vídeo, pensado para que todo o alumnado do Centro (especialmente os máis cativos) preparen a súa intervención de cara ó Día da Paz.

Preparados para bailar e cantar...?






domingo, 19 de enero de 2014

PINTANDO ACUARELAS



Preparemos musicalmente o Día da Paz.

Este curso, o noso cole está embarcado no PDI titulado A lingua sabe a mar. Por iso, de cara ó Día da Paz, o noso compromiso ten que ser firme respecto á defensa e á preservación da vida mariña.

Para iso, estamos a aprender esta canción: Pintando acuarelas. Inspírase en Acuarela, de Toquinho.





Aquí tendes a letra, para seguir.