miércoles, 18 de diciembre de 2013

NADAL MARIÑEIRO




Para celebrar o Nadal, temos escollido estas cancións.

Teñen temática navideña, e están vencelladas co mar. Algunhas son tradicionais; outras son de cantautor. Pero en todas se escoita o murmurio das ondas e da brisa mariña.

Los peces en el río



Brincan y bailan




Veña ledicia (Xoan Rubia)



Canción para la Navidad (José Luis Perales)



Feliz e cantareiro Nadal!

martes, 19 de noviembre de 2013

AFINA O TEU OUVIDO




Para traballar as notas da escala e recoñecer a súa altura presentámoste esta colección de actividades. 

Navegando pola Rede temos atopado estas actividades para traballar o recoñecemento melódico.

Fíxate ben. Isto é de nota!























miércoles, 6 de noviembre de 2013

CHEGOU O OUTONO



Unha boa ocasión para traballar a Vivaldi.

E, en concreto, para escoitar e analizar o seu Concerto para violín titulado O Outono.

Como todos os concertos do Barroco, o Outono de Vivaldi ten tres movementos: o primeiro e o terceiro rápidos, e o segundo lento.

Igual que os outros tres que compoñen o Ciclo das Catro Estacións, a música deste concerto ten carácter descritivo. É dicir, a través dela podemos imaxinar algúns feitos, celebracións e deportes que se suceden durante o outono:
  • o primeiro movemento describe a vendima e a festa conseguinte (borrachos incluídos); 
  • o segundo movemento, o sono tras a festa; 
  • o terceiro, a caza
Aquí deixamos este enlace a un concerto que atopamos en Youtube. Desgraciadamente, só coñecemos o nome da solista: Julia Fischer. Pero temos elixido este vídeo, e non outros, pola claridade do seu son, pola sinxeleza e fermosura do entorno e por nos permitir descubrir con moita certeza os instrumentos que interpretan esta peza.


Aproveitando o tema da vendima, os nosos alumnos e alumnas de 4º curso de Primaria estiveron investigando nas aldeas cos avós. Aquí está esta magnífica reportaxe fotográfica de Haritz, Sheila e Aldara. Os tres déronnos moitas explicacións na aula sobre os traballos realizados: a vendima, o lagar, o pisado da uva, as estruxadoras mecánicas, o mosto, o proceso de fermentación da uva... Grazas ós tres, ós pais, ós avós, e ós irmáns, por facernos coñecer máis polo miúdo a nosa tradición. 

Sheila e mais a súa irmá Andrea decidiron logo dar un paseo polo bosque cercano, e achegarnos unhas fermosas imaxes do Outono... Toca preparar o Magosto!

Unhas e outras fotografías podedes velas neste álbume.


lunes, 4 de noviembre de 2013

SONORIZANDO POEMAS



No 5º curso de Primaria. 

Os alumnos e alumnas de 5º de Primaria estiveron a traballar as calidades do son. Para practicar os cambios de intensidade decidimos interpretar o poema de Antonio Rubio titulado Outubro. Tras analizar as posibles dinámicas, gravámolo.

Logo decidimos mellorar os resultados engadindo efectos sonoros do Banco de Sons do INTEF, e músicas libres de dereitos de Jamendo.

O carácter das músicas de acompañamento vai determinar moito o resultado final. E, como veredes, este é ben distinto.

Os rapaces de 5º A elaboraron a primeira versión, para a que empregaron a peza de Premium Music titulada Ambient Atmosphere Chillout Sunrise Session Soundcape Theme Soundtrack 004.




Pola súa banda, os de 5º B elixiron The Hill of the Mourning Crows, de Enzo Carlino.



Que vos parece...? 

lunes, 28 de octubre de 2013

CHEGA O SAMAÍN



E se é da man de Paco Nogueira resulta moito máis divertido.

Esta melodía é a que está a soar esta semana na Aula de Música. Marcha, poesía e moita diversión.




Feliz (e cantareiro) Samaín. 

sábado, 26 de octubre de 2013

XOGOS COAS MANS


Con la A.

Estas son Sheila e Eva, alumnas de 4º curso de Primaria. Hai xa unhas semanas achegáronse con este xogo infantil de percusión corporal. Un xogo que, como moitos outros ó longo da historia, tense transmitido por tradición oral.

Sabedes algún máis...? Estamos desexando gravarvos...




Grazas polo agasallo, chicas!

ADRIÁN E PABLO, ARTISTAS DA MÚSICA POP



Compositores e cantantes.

Estes son Adrián e Pablo, alumnos de 5º curso de Primaria. No seu tempo de lecer crearon un grupo musical (no que tamén participan os seus irmáns pequenos, Hugo e Sergio): Red X-Treme. E adícanse a crear cancións como esta, sobre o tema dos deberes.

Talvez alguén pense que, con este texto, vailles moi ben a música pero mal o estudio. Nada máis lonxe da realidade: son dous grandes lectores e uns rapaces responsables (aínda que un pouco socarróns).

Como veredes, o nome do grupo promete; os intérpretes, tamén.




Parabéns, chicos!

lunes, 14 de octubre de 2013

BUSCANDO UNHA SINTONÍA



Nos próximos días comezará A nova da semana, a nova canle de podcast do noso cole.

Como todo programa de radio, ten que ter unha sintonía que o identifique.

Así que a nosa tarefa será atopar en Jamendo unha que nos satisfaga. Que vos parecen estas, ou algún fragmento delas...?











Cubre o seguinte formulario e elixe a túa sintonía favorita: 

sábado, 22 de junio de 2013

CINCO CONTOS CON SONS




Nas aulas de Educación Infantil 4 e 5 anos estivemos a traballar as familias de pequena percusión.

Xa aprendimos a recoñecer que o primeiro apelido destes instrumentos é percusión; e que o segundo pode ser madeira, de metal ou de parche.

Xogando, xogando, na aula de Educación Infantil 5 anos B decidimos inventar uns sinxelos contos empregando algúns destes sons (un de parche, un de madeira e outro de metal). Este foi o sinxelo e magnífico resultado.




Parabéns, chicos!

viernes, 21 de junio de 2013

UNHA NOITE ARREPIANTE



Un conto con sons dos nenos e nenas de 2º B.

Polo Samaín, os nenos e nenas de 2º B inventaron este conto a partir de sons. Incluíron nel o Samaín e a Cunquiña. E puxéronlle por título Unha noite arrepiante.

Non pasedes moito medo...!



miércoles, 19 de junio de 2013

A NOITE DE SAMAÍN



Este é o título do conto creado polos alumnos e alumnas de 2º A de Primaria.

É unha creación colectiva escrita alá polo mes de outubro, a partir de sons da Natureza. A única condición: incluír a Cunquiña e facer referencia ó Samaín.

Ó longo destes meses, o conto foi collendo forma: as ilustracións foron realizadas, semana a semana, polas familias dos alumnos. E só quedaba gravar as voces e montar.

Aquí tendes, finalmente, o resultado deste longo, emocionante e fructífero traballo.



Parabéns, chicos! Seguide así!


miércoles, 22 de mayo de 2013

COÑECENDO O CLARINETE




O gato en Pedro e o lobo.

Sergei Prokofiev elixiu o clarinete para representar o papel do gato. Se te fixas, produce un son, en ocasións, sixiloso. Semella que está a rir, polo que, en moitas ocasións, chámaselle o tubo da risa.




Este é o instrumento que nos restaba coñecer na familia de vento - madeira. A súa embocadura é de lingüeta simple.

Escoita á clarinetista Sabine Meyer interpretando o Adagio do Concerto para clarinete de Mozart:



martes, 14 de mayo de 2013

A PRIMAVERA



Un concerto para violín de Antonio Vivaldi. 

Antonio Vivaldi foi un violinista e compositor italiano que vivíu no século XVII (preme neste enlace para saber máis sobre a súa biografía).

As súas obras máis famosas son os catro concertos que conforman As catro estacións

As catro estacións son un bo exemplo de música descriptiva. O compositor inspirouse nuns poemas (escritos por el mesmo) nos que describe cada unha das estacións. Este fragmento corresponde á primavera

Chegou a primavera e alegres
saúdana os paxaros co seu ledo trinar, 
e as fontes que, ó doce soprar das brisas, 
corren febles, marmurando. 

Veñen cubrindo o ceo negras nubes
e lóstregos e tronos anuncian a treboada. 
Unha vez que quedaron estes silenciosos,
os paxaros voltan ó seu ledo trinar.


Aquí tes un vídeo que corresponde á interpretación deste fragmento. Tocan I Cameristi della Scala. O solista é Francesco Manara




Fíxate nos seguintes aspectos: 
      • Un concerto é unha obra para un instrumento solista e orquestra. Que instrumento cres que é o solista en As catro estacións?
      • A que familia pertencen os instrumentos que participan no concerto?
      • Ó fondo podes ver (e escoitar) un instrumento descoñecido chamado clavecín. Na época de Vivaldi, o clave acompañaba á orquestra (formada por instrumentos de corda fretada).
      • Descubres unha melodía que se repite...? Chámase ritornello. É un xeito moi habitual de compoñer na época de Vivaldi

martes, 7 de mayo de 2013

AS NOSAS COPLAS DOS MAIOS



Como outros anos, o noso Centro vai participar na Festa dos Maios organizada polo Plan Comunitario de Teis.

Por ese motivo, xa levamos unhas semanas preparando as coplas na Aula de Música. Temos partido dunha copla tradicional; engadímoslle un ritmo para interpretar coas claves. E logo, os rapaces de 4º, 5º e 6º curso de Primaria inventaron as súas propias.

Neste enlace atoparedes a selección final que temos feito.

Escoita a nosa Cantiga dos Maios 2013, apréndea, e acompáñanos o vindeiro sábado no Parque da Riouxa.

miércoles, 1 de mayo de 2013

OS INSTRUMENTOS DE VENTO (II)



Hoxe falaremos sobre os de vento - metal

Como lembraredes, noutro post presentamos os aerófonos de madeira. Hoxe faremos o mesmo cos aerófonos de metal.

Os instrumentos que forman parte desta familia presentan unhas características similares:

      • están construídos en metal; 
      • están enrollados sobre si mesmos; 
      • a embocadura ten forma de copa; 
      • rematan nunha grande campá, chamada pavillón
      • teñen un son estridente.
Contrariamente ó que ocurre nos instrumentos de vento - madeira (nos que a vibración se produce ó romper o aire contra un bisel ou ó vibrar unha ou dúas lingüetas) nos instrumentos de vento - metal a vibración prodúcena os beizos do instrumentista

A historia dos aerófonos de metal é moi antiga. As trompetas empregábanse como instrumentos militares xa en tempos dos exipcios (ou incluso antes). Outros (coma a trompa) teñen evolucionado a partir de instrumentos construídos con cornos de animais. 

Aínda que non o pareza polo espazo que ocupan, os instrumentos de metal son tubos dunha grande lonxitude. A altura do son ven dada por esta: canto máis longo é o tubo, o son é máis grave; canto máis curto, o son será máis agudo. 

Outro elemento que contribúe a variar a altura do son é a presión dos beizos do instrumentista: canto máis relaxados, o son será máis grave; canto máis tensos, o son será máis agudo. 

Os intrumentos de vento - metal están, dende o punto de vista tecnolóxico, moi evolucionados. A lonxitude do tubo modifícase cun sistema de pistóns ou válvulas. Neste enlace podes comprobar o efecto que producen as válvulas.




O único aerófono de vento - metal que carece de pistóns é o trombón de varas. Neste instrumento, a lonxitude do instrumento modifícase coa posición da vara, que se pode alongar ou acurtar, producindo un efecto chamado glissando. Neste enlace comprabarás como funciona este instrumento. 

O timbre destes instrumentos pode modificarse, tamén, empregando unha especie de tapón que se coloca na campá, e que recibe o nome de sordina



Neste vídeo, no que está gravada unha sinxela explicación sobre a trompeta nun concerto para bebés, poderás coñecer algunhas cousas sobre este instrumento, e as poderás extrapolar ó resto de instrumentos que constitúen a familia. 




A familia do vento - metal está integrada por catro instrumentos, que, de agudo a grave son: a trompeta, a trompa, o trombón e a tuba
                                                                                                                                     




A trompeta é o instrumento máis agudo da familia. Louis Armstrong foi un famoso trompetista, e unha das principais figuras do jazz. Escóitao neste vídeo no que interpreta unha das súas pezas máis famosas: When de Saints go marching in. Fíxate nos instrumentos que o acompañan. Tamén atoparás un trombón de varas, considerado en moitas ocasións como unha trompeta grave.









Despois da trompeta, a trompa é o instrumento máis agudo da familia. Escoita ó Conxunto de Trompas das Orquestras Sinfónica e Filarmónica de Viena gravando a banda sonora de Parque Xurásico







A tuba é o instrumento máis grave da familia. Aquí tendes un divertido vídeo no que, toda a familia, acompaña á tuba que actúa como solista.






Para rematar, comproba o que sabes, ou aprende todavía máis cousas con estes dous materiais educativos que temos atopado na Plataforma Agrega:






miércoles, 24 de abril de 2013

COÑECENDO O ÓBOE



É o instrumento que fai de pato en Pedro e o Lobo.

Sergei Prokofiev elixiu con moito acerto o óboe para representar ó personaxe do pato. Por que...? Pois porque, coma os patos, o óboe ten un son moi nasal.


O óboe é un instrumento de vento - madeira que se compón dun tubo cónico rematado nunha pequena campá. Tras a frauta traveseira, é o instrumento máis agudo da familia. 

O característico son nasal do óboe é producido polo seu tipo de embocadura: unha lingüeta de cana dobre. 

Con este vídeo comprenderás mellor o que é unha lingüeta dobre. 




Neste enlace poderás ver unha animación sobre como se monta a lingüeta do óboe. 

Outro instrumento de lingüeta dobre é o fagot (que é o instrumento máis grave da familia de vento - madeira). 

Antes de comezar a tocar unha orquestra, o óboe da a nota LA, que é retomada polo primeiro violín. A partir deste son afínanse todos os instrumentos. 

Escoita esta peza composta por Ennio Morricone para a película A Misión. Está interpretada pola Orquestra Sinfonietta di Roma, e dirixida polo propio compositor. O oboísta é Carlo Romano





jueves, 28 de febrero de 2013

OS INSTRUMENTOS DE VENTO (I)



Entre os instrumentos de vento (ou aerófonos) podemos facer unha primeira división, xa sexan de vento-madeira ou de vento-metal.

Hoxe imos tratar sobre os aerófonos da sección de madeira, nos que a clasificación ven dada segundo o seu tipo de embocadura:

      • de bisel (como nas frautas). Neste caso, o son prodúcese cando o aer é cortado por unha arista afiada;
      • de lingüeta simple. O son prodúcese ó vibrar unha cana fina; 
      • de lingüeta dobre. O son prodúcese ó vibrar unha contra a outra dúas canas moi finas atadas cun fío e incrustadas no tubo do instrumento. 
A esta clasificación responden tanto instrumentos da orquestra clásica, como da música popular ou folclórica. Coñéceos máis polo miúdo a través deste enlace do IES Mateo Alemán de Andalucía. Comprenderás como se constrúe cada embocadura, como se produce o son, e podrás escoitar vídeos explicativos. 

Un instrumento senlleiro na música tradicional de Galicia (e tamén de Asturias e o norte de Portugal) é a gaita. Este rapaz do IES Benedicto Nieto, de Pola de Lena (Asturias) explícanos todas as súas partes:





Le detidamente a documentación recollida nestes enlaces. Logo, completa a táboa que atoparás na túa ficha. 

miércoles, 27 de febrero de 2013

COÑECENDO A FRAUTA TRAVESEIRA



Da man de Prokofiev, coñecemos o instrumento máis agudo da familia de vento - madeira.

Trátase da frauta traveseira. Este instrumento representa ó paxaro en Pedro e o lobo. Fíxate nas súas partes.


      • Cabeza: é a peza superior da frauta traveseira. Vai encaixada no corpo. Na cabeza está a embocadura. 
      • Embocadura: é a parte da frauta pola que se introduce o aire. Na frauta traveseira, a embocadura é de bisel. 
      • Corpo: é a peza intermedia da frauta traveseira. 
      • Chaves: é un mecanismo existente no corpo da frauta traveseira que permite tapar os buratos e producir sons de diferente altura. 
      • Pé ou Pata de Do: é a peza inferior da frauta traveseira. Vai encaixada na parte inferior do corpo. 


A frauta traveseira caracterízase porque ten unha embocadura en forma de bisel



Para facela soar, o músico enfoca o aire de xeito que este rompa contra a arista afiada da boquilla, do mesmo xeito que fas cando sopras na boca dunha botella e produces son. 

Nun principio, as frautas traveseiras construíanse con madeira. Sen embargo, cando aumentaron o número de músicos e de instrumentos da orquestra, precisouse un instrumento que producira un maior volume, conservando o seu mesmo timbre. O avance da técnica permitiu construír unha frauta traveseira de metal cun timbre similar á frauta traveseira de madeira. 

Esta é a razón pola que, construíndose de metal, a frauta traveseira pertence á familia dos instrumentos de vento - madeira. 

Imos agora escoitar como soa unha frauta traveseira. 

Aquí tendes a Zachari Kellog, un cativo de dez anos que toca a Mozart coma os anxos. E, mentras o escoitas... que sabes do instrumento que o acompaña..?





Un gran dominio do instrumento permite facer cousas prodixiosas. Este frautista, ademais de tocar unha mistura de temas que, sen dúbida, recoñecerás, é que de empregar o instrumento coma se estivera acompañado por unha batería.


Fantástico, verdade?

E, para rematar, comproba os teus coñecementos sobre a frauta traveseira con esta actividade interactiva de Claudia Sánchez






miércoles, 20 de febrero de 2013

COÑECENDO O FAGOT



No 3º curso de Primaria estamos traballando Pedro e o Lobo

Temos coñecido o personaxe do Avó, interpretado polo fagot. Pero... que sabemos deste instrumento...? Se premedes na imaxe, obteredes máis información.





Agora escoita esta interesante peza contemporánea para fagot e dous percusionistas. 



jueves, 14 de febrero de 2013

POÑENDO MÚSICA ÓS POEMAS



Un poema non só é letra; tamén é música. 

Un poema transmite un sentimento a través do seu texto; a música fai o mesmo, a través da combinación de altura, intensidade ou timbre dos seus sons.

Aquí temos un poema escrito por Ana Mº Fernández, titulado Aires. Pertence ó libro Do A ao Z con Rosalía. É unha homenaxe á máis famosa das nosas poetisas.


Aire miudiño e calmo
que falas na miña fala,
que me afastas os pesares,
que as feras do mundo calas.


Aire que asubías cedo,
que cedo moves nas ramas,
que traes lingua de regato
e a man  limpa e perfumada.


Aire que chegas do ceo,
que me aloumiñas a cara,
que sabes contarme cousas
que nunca foron contadas.


Lévame contigo, leva
ao cimo dunha montaña,
ás corredoiras escuras,
á ría que o campo baña.


Aire miudiño e calmo,
que falas na miña fala,
que envolves a miña terra
co perfume de mil fragas.


Lévame cara a onde queiras,
que o tempo logo se acaba!


Descubre que sentimentos te inspira a súa lectura.

A continuación, preme nos seguintes enlaces, nos que atoparás distintos álbumes musicais. Escoita as pezas que os integran, e selecciona aquelas que expresen un sentimento semellante ó que te ten inspirado o poema.



E agora... cal é a túa proposta para musicar o poema...?





martes, 5 de febrero de 2013

A RIANXEIRA


En 6º curso de Primaria estamos aprendendo a tocar a Rianxeira.

Pero... que sabemos sobre esta peza que xa todos os galegos consideramos parte da nosa identidade...?

O magnífico pograma da TVG No bico un cantar ofrécenos o seu primeiro capítulo para coñecer todo sobre esta canción.





martes, 29 de enero de 2013

PREPARANDO O ENTROIDO



Aínda non rematamos o Día da Paz, e xa estamos preparando o Entroido.

E empezamos a afinar, de novo, as gorxas.

A melodía da nosa Canción para o Entroido é a da Muiñeira de Oliveira. A temática, relacionada coa do noso PDI, A lingua sabe a pan. Aquí a tendes, xunto coa letra.





No Entroido de Frian
haivos moito que amasar. 
Porque están "dalle que dalle"
con que a lingua sabe a pan.

Todos os cursos están inventando letras para completar a nosa canción. Se premedes aquí accederedes a un documento onde iremos recollendo estas a medida que o alumnado as vaia creando. 






martes, 15 de enero de 2013

A NOSA CANCIÓN PARA O DÍA DA PAZ



Respectar o noso Patrimonio Inmaterial tamén é favorecer a Paz.

Por iso, a nosa canción para o Día da Paz deste ano ten moito que ver co noso Proxecto Documental Integrado (A lingua sabe a pan). Titúlase Cantarei, cantarás. Defende a importancia de todas as linguas do mundo. Como veredes, é unha adaptación de Cantaré, cantarás, de Albert Hammond. Está cantada polos alumnos e alumnas de 2º de Primaria. Está gravada con moitas présas, para que todos os demais poidamos aprendela. Xa melloraremos cando a saibamos todos!



lunes, 7 de enero de 2013

UN BONITO AGASALLO PARA COMEZAR O ANO



Algunha vez imaxinastes ó pequeno Mozart en acción?

Hai uns días, o meu irmán achegoume o enlace a este vídeo onde o pequeno Edward Yudenich dirixía a Orquestra do Conservatorio Estatal de Uzbekistán. A obra interpretada: a Obertura de O morcego, de J. Strauss.

Con tan só 7 anos, é unha gozada participar do seu entusiasmo e da súa arte dirixindo esta orquestra formada por estudiantes que soa tan ben. Eu, dende logo, imaxino ó pequeno Mozart así. E vós...?




martes, 1 de enero de 2013

NO BICO UN CANTAR


Este é o título do programa que, sobre música tradicional, vense de estrear na Galega.

Todos os martes, ás 22:15 horas da noite, poderemos disfrutar dunha peza que servirá como excusa para saber máis sobre a nosa historia.

Hoxe véñennos de falar do "himno non oficial" de Galicia: a Rianxeira. Unha peza que non é tradicional (aínda que nós sintámola así), senon que foi composta en 1948 por dous rianxeiros emigrados na Arxentina, que compuxeron esta peza co gallo da visita de Castelao a Bos Aires.

A Rianxeira é sinónimo de Rianxo, de emigración, de muller traballadora, de mar.

Convídovos a disfrutar deste fantástico programa que intenta enlazar pasado e presente o vindeiro martes.

Podedes saber máis sobre el neste enlace.